5/8/15

Mercaderes del espacio



Novela publicada en 1953 e escrita en colaboración polos autores Frederik Pohl, (EEUU, 1919-2013) e Cyril M. Kornbluth, (EEUU, 1923-1958). Adóitase clasificar no subxénero de ciencia ficción distópica (como 1984, Fahrenheit 451, etc.).

Nun futuro indeterminado, a terra está gobernada polas compañías transnacionais e, dentro destas, o auténtico goberno está en mans das empresas de publicidade. Aínda que existen gobernos políticos, estes son apenas figuras decorativas. O único importante é comprar e vender, para isto, a poboación está reducida á condición de consumidores. Existen avances científicos (viaxes en cohetes terrestres e espaciais), pero unha gran escasez de alimentos e produtos básicos. So os executivos e empresarios teñen acceso ao grande luxo. O resto da poboación (os consumidores) viven con graves carencias.

O protagonista é un alto executivo dunha empresa publicitaria que ten o encargo de explotar comercialmente as futuras viaxes a Venus. As viaxes e aos viaxeiros. Por intrigas dos competidores, vese reducido a condición de consumidor (a capa baixa da poboación, que supón máis do 90 % da mesma). Os seus intentos de recuperar a súa situación orixinal e desmontar a trama que o atacou forman o cerne da novela. Entrará en contacto cos consistas, anticonsumistas opositores e resistentes ao sistema.

Chama a atención que nunha data xa tan distante como 1954, os autores imaxinaran un mundo dominado polo consumismo, a publicidade e os interese das grandes corporacións comerciais, xenerando un sistema de ultracapitalismo no que a única ética é a do beneficio económico. O paraíso dos neocons e ultaliberais.

18/7/15

Los productos naturales, ¡vaya timo!

Obra publicada en 2011 pola editorial Laetoli, en colaboración coa Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico (SAPC) e escrita por J. M. Mulet. O autor é doutor en Bioquímica e Bioloxía Molecular e profesor de Biotecnoloxía na Universidade Politécnica de Valencia. Mantén este interesante blog.

Mulet denuncia o uso e abuso dos calificativos natural, ecolóxico, biolóxico, orgánico, de moda en produtos alimentarios, relacionados coa saúde (falsos fármacos e medicinas alternativas), coa estética, productos de limpeza para o fogar e coas fontes de enerxía.

Como é habitual nesta colección, o autor ten a súa opinión, pero, coma sempre, a fundamenta en estudos constrastados e, sobre todo, fai referencia ás fontes orixinais, de xeito que, calquera con tempo, pode valoralas por si mesmo.

Hai unha cousa que é certa, todo produto ou tratamento natural ou ecolóxico é moito máis caro que o correspondente non natural ou tradicional.

Tamén fai unha defensa dos produtos transgénicos en tanto que están moito máis controlados que os convencionais. Igualmente, expresa a súa opinión escéptica coas enerxías renovables por non seren tan respetuosas co medio ambiente como se adoita pensar.

Adica un capítulo ás medicinas alternativas moi instructivo. (Xa temos neste blog un libro dedicado á homeopatía). E, con humor, da consellos para enriquecérense poñendo unha consulta alternativa ou natural.

Como todos os libro desta colección, alerta contra a credulidade e invita a exercer o pensamento crítico e a tratar de diferenciar a ciencia da charlatanería.

22/6/15

El fin de la infancia

Novela de Arthur C.Clarke publicada en 1953 e modificada en 1990 para rectificar certos anacronismos.

Unha raza alieníxena superior técnica e intelectualmente, chamada polos humanos os superseñores, invade a terra. Grandes naves sitúanse sobre as principais cidades da terra. (Esto fai recordar algunhas películas modernas, non si?). A invasión é pacífica. Os superseñores non desexan derrotar nen exterminar a civilización nen a raza humana. O que pretenden é tutelar aos seres humanos para acadar o seu próximo nivel evolutivo. Inicialmente, os superseñores so se relacionan cun representante da humanidade e non se deixan ver. Esto seguirá asi ata que os humanos estean preparados. A partir de este momento, as cousas precipítanse.

Como noutras novelas de Clarke, pódese apreciar na novela o tema do enfrontamento entre as creenzas e supersticións (mesmo a relixión, en certo sentido) e a ciencia ou a racionalidade. Todo esto ao peculiar estilo deste autor con moito ser superior e moita capacidade psi.

15/4/15

Miles de millones

Obra de divulgación científica e de reflexión ética sobre a ciencia, é o derradeiro libro publicado por Carl Sagan (EEUU, 1934-1996). De feito, publicouse ao ano seguinte da súa morte.

Para empezar, temos un problema co título. O orixinal inglés é Billions and billions, expresión atribuida ao propio Sagan no seu famoso programa Cosmos, de divulgación científica e que el nega ter dito. Precisamente a esto adica o primeiro capítulo ou ensaio do libro. A expresión billions an billions, non se pode traducir por billóns e billóns, xa que o billion americano e inglés non corresponde ao noso billón. Para os anglosaxóns, billion é mil millóns (o xiga do sistema métrico decimal, nove ceros) e para nós, billón é un millón de millóns (tera, no SMD, 12 ceros).
Ao traducir por Miles de millóns, a expresión perde toda a súa forza expresiva. Se cadra, cumpriría revisar esto, poñerse de acordo nun único billion ou billón e, quen sabe, se desta volta tócanos ceder a nos.

A obra estrutúrase en tres partes. A primeira desenvolve asuntos relacionados cos grandes números e a nosa percepción do universo e da vida. A segunda adícase aos problemas medioambientais da terra, especialmente o efecto invernadorio e o buraco de ozono. A terceira explora as contradicción entre fe e razón ou, como el dí, entre corazón e mente.

Ademáis de, coma sempre, poner en evidencia o extraordinario talento para a divulgación do que gozaba, Sagan, amosa unha posición ética diante da ciencia e da sociedade insobornable. Cada un dos capítulos, especialmente os das partes segunda e terceira é unha invitación á reflexión para formarmos cadanseu criterio. Neste aspecto, a obra é o testamento ético e moral do autor.

No último capítulo, Sagan fala da súa enfermidade e como a enfrontou, gañando moitas batallas. A súa viuva, conta no epílogo o desenlace desta loita: a morte prematura dun dos mellores divulgadores do século XX.

6/2/15

El planeta de los simios

Novela de Pierre Boulle (Aviñón,1912- París, 1994) publicada por primeira vez en 1963. Nela baséanse as dúas famosas películas do mesmo título. A primeira de 1968, con Charlton Heston como protagonista e máis fiel á novela. A segunda de 2001 con Mark Wahlberg e Helena Bonham Carter que é unha adaptación máis afastada da novela orixinal. Ámbalas dúas películas teñen varias secuelas.

Na novela, uns astronautas chegan a un planeta correspondente a estrela Betelgeuse, da constelación de Orión. Neste planeta atopan unha civilización dominada por simios (chimpancés, gorilas e orangutáns) que son as especies racionais, mentres que os humanos son animais irracionais sen a capacidade de falar e, según parece, sen capacidade de pensar. Os simios cazan humanos para os seus experimentos biolóxicos e, tamén, polo pracer da caza. Os astronautas son cazados desta maneira.

Como se ve, a obra pode considerarse distópica. Hai indicios nela de que as cousas non foron sempre así e a situación evolucionou ata a situación actual desde unha completamente distinta.
Provoca unha reflexión sobre como tratamos aos distintos e o trato que podemos esperar deles. A fraxilidade de certas situacións e, mesmo, priviexios que damos por obvios e que non o son tanto. A racionalidade, a humanidade,a superioridade,...

Dispoñible na biblioteca do IES de Teis.

24/1/15

El universo

Unha das obras cumes da divulgación científica. Trátase da historia da concepción do universo desde a antigüidade ata 1970. A data de publicación foi, precisamente, 1971. Segundo o propio autor (Isaac Asimov, Rusia 1920-EEUU 1992), comezamos con a visión dun universo limitado a uns poucos centos de quilómetros de terra plana cunha pequena bóveda de ceo enriba, e rematamos (en 1970) cun universo con centos de miles de millóns de galaxias en 26 mil millóns de anos-luz de diámetro e cunha idade de uns 15 mil millóns de anos.

É un apaixoante percorrido pola histora das ideas do ser humano acerca do universo. Como os sucesivos avances puñan a proba as concepción anteriores. Evolucionamos desde un universo centrado no home e de pouca extensión ata un niverso xigantesco no que o ser humano ocupa un planeta mediocre nuha estrela mediocre situada na periferia dunha galaxia que contén miles de millóns de estrelas e, que a súa vez, non é máis que unha galaxia calquera entre centos de miles de millóns. Ademaís, hai estrelas de multiples tipos e comportamentos variados.

Todo relatado co habitual estilo de Asimov: sen perder rigor consegue que a historia da ciencia sexa unha aventura vital. Esta e a obra que calquera persoa debe ler para iniciarse na comprensión do funcionamento do universo, como se formou e por que é como é.

O autor explica como nos últimos tempos, cada xeneración de astrofísicos e astrónomos descubrían más sobre o universo que todo o que se sabía ata entón. Naturalmente eso segue a pasar desdee 1970 ata hoxe. Así que boa parte dos coñecementos actuais eran descoñecidos por Asimov (e por todos en 1970). Así, descubrimentos fundamentais non están:
A radiación de fondo de microondas, descuberta en 1965, trátase de forma moi leve na última páxina sen darlle a relevancia que despois se lle deu. Non se compresndía ben o que eran os cuásares.
Aínda non estaban presentes na teoría estándar os buracos negros, aceptados a partir da década dos 90. Non existía o telescopio Hubble que explorou o universo profundo, nen o satélite COBE que descubriu as fluctuacións na radiación de fondo. Non había noticia do bosón de Higgs e a teoría do Big Bang estaba en precario. Pero esto non fai máis que reforzar o interese por continuar aprendendo.

Disponible na biblioteca do IES de Teis

25/11/14

Mundo Anillo

Mundo Anillo é unha novela de Larry Niven (USA, 1938) publicada en 1970 e gañadora dos premios Hugo, Locus e Nébula, é dicir, os maís importantes, sendo das poucas novelas que posúen os tres.

No ano 2850, as distintas especies racionais do universo coñecido deben iniciar unha migración pois o núcleo da galaxia vai estoupar. De feito xa estoupou, pero os efectos tardarán algúns miles de anos en chegar á terra. Dous seres humanos, un kzin (especie que recorda os felinos, seres fortes e máis grandes que os humanos) e un titerote (ser hervíboro, con dúas cabezas e tres pernas, sin brazos) emprenden unha viaxe exploratoria na que se topan co Mundo Anillo. Un anel contínuo orbita en torno á súa estrela, situada no centro del. De proporciones xigantescas, (150 millóns de quilómetros de radio, pouco máis de millón e medio de quilómetros de ancho e con paredes laterais de 1.600 km de altura.
Cando os expedicionarios atopan o Mundo Anillo caen nel e deben buscar a forma de regresar. Nese mundo houbo unha civilización moi adiantada pero pasou algo que a fixo retroceder e olvidar moitas das cousas que coñecía.

Nesta novela temos varias innovacións: as viaxes a velocidades hiperlumínicas son cousa frecuente, o tempo deténse de forma sinxela para evitar danos aos viaxeiros, a sorte incorpórase como rasgo xenético, existen procedimientos para alongar a vida humana practicamente sen límite e unha das especies racionais manipula a todos os niveis ás outras dúas.

Larry Niven recibiu noitas críticas pola non consistencia de Mundo Anillo. En efecto, tal mundo sería inestable e acabaría colisionando coa estrela. En 1979 escribiu unha continuación na que tentaba arranxar este problema.Respecto a todo o demáis (viaxes a velocidade superiores á da luz,detención do tempo, etc,), parece que non hai problema. En fin...

Dispoñible na biblioteca do IES de Teis.

22/9/14

El tarot ¡vaya timo!

Este libro pertence á colección editada pola editorial Laetoli en colaboración coa Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico(SAPC). O autor e Javier Cavanilles, conocido escéptico, autor de diversos artículos nos diarios El Mundo e Luz de Levante, así como de varios libros (un sobre as afamadas caras de Belmez). Tamén ten moitos detractores, entre outros, este.

O autor conta a historia das cartas de tarot, xurdido nun primeiro momento como mero xogo na Italia do século XIV. As presuntas virtudes adivinatorias e o presunto saber antigo que as acompañan (mesmo remontándose ao Exipto dos faraóns) foron segundo o autor, engadidos moi posteriores. Tamén fala das barallas mais significativas, interesantes ou artísticas.

Aínda que lle quitemos ao tarot todo o misterio e o carácter paranormal, aínda queda unha historia moi interesante dun xogo clásico e unhas cartas certamente entretidas. O autor documenta esta historia, coas aportacións de tódolos charlatáns e oportunistas que acabaron convertindo o tarot no que é hoxe: un invento máis para enganar á poboación benintencionada.

Disponible na biblioteca do IES de Teis


9/7/14

La luna es una cruel amante

Novela de Robert A. Heinlein (EUA, 1907-1988), considerado un dos grandes do período dourado da ciencia ficción. Foi publicada en 1966 e gañadora do premio Hugo de 1967.
No século XXI hai case cen anos que a lúa foi colonizada. Ao comezo, foi utilizada como prisión onde enviaban os reclusos mais perigosos da terra. Os descendentes deses presos e poboadores novos (reclusos ou non) viven agora na lúa baixo o goberno dictatorial dun Alcaide nomeado pola Autoridade Lunar (da terra). Os colonos son obrigados a cultivar cereais e a fabricar certos produtos que son enviados á terra sen que eles poidan influir nos acordos comerciais. Esto da lugar a un malestar que desemboca nunha revolución. A novela é a historia desta revolución narrada por un dos seus protagonistas, Manuel, Mannie, García O'Kelly Davis, un técnico informático que nunca pensou ser un ideólogo nen  un revolucionario. Peza fundamental é Mike, un supercomputador que espertóu, tomóu conciencia de si mesmo. Mike é capaz de adoptar persoalidades e ter sentimentos. Mesmo está moi interesado no humor humano.

Os revolucionarios da lúa perseguen un sistema político e económico baseado no liberalismo mais esaxerado. Fuxen de todo tipo de impostos. Polo camiño da revolución van abandonando certos valores éticos para favorecer a poboación. (Todo para o pobo, pero que o pobo non moleste, non opine, porque non sabe).

Os poderes de Mike son, certamente, futuristas. As comunicacións son áxiles, aínda que limitadas pola necesidade de ter un teléfono fixo a man. É interesante como plantexa os efectos da vida na baixa gravidade da lúa sobre os organismos das persoas. Un terráqueo non pode pasar moito tempo na lúa se quere estar en condición de poder voltar á terra.

Pero no que Heinlein fracasa (como tamén o fai nas súas novelas outro dos grandes: Asimov) é no papel da muller. Aínda que a sociedade é matriarcal e hai mulleres que son dirixentes da revolución, todas sorrín agradecidas diante dun piropo ou, mesmo, diante dunha palmada nas nádegas. Cousas dos anos sesenta do século pasado (espero). Porén, é interesante a variedade de familias que Heinlein propón.

17/6/14

Las estrellas, mi destino

Novela de Alfred Bester (EEUU, 1913-1987), publicada por primeira vez en 1955. Está considerada como unha das precursoras do subxénero cyberpunk. Trátase dunha variedade de novelas ce ciencia ficción caracterizada por un futuro dominado por grandes corporacións económicas e comerciais, gran nivel de tecnificación e nas que o protagonista adoita ser un antiheroe.

Estamos no século XXV. Hai cen anos que a humanidade descubriu o teletransporte, a posibilidade de transportarse dun lugar a outro a un mesmo polo poder da mente. Este fenómeno denomínase jaunteo, polo apelido da primeira persoa que o puido facer. O jaunteo revolucionou as comunicacións e as relacións sociais. O ser humano habita tres planetas e seis satélites do sistema solar. Unha crise económica provoca un enfrontamento entre os planetas interiores e os satélites exteriores. Neste enfrontamento vese atrapado Gulliver Foyle, un astronauta de terceira de naves de comercio, primitivo, cruel e ávido de vinganza que desenvolve unha gran intelixencia cando se atopa en situacións límite.
Foyle foi abandonado no espacio nunha nave averiada que levaba a bordo un material de poder explosivo varias veces superior ás bombas nucleares. A vinganza de Foyle mistúrase co interese de distintas forzas por recuperar aquel material: compañías da terra, compañías dos satélites, axencias de intelixencia, grandes abogados... Estas son as forzas que dominan o mundo.

26/5/14

La chica mecánica

Novela do autor estadounidense Paolo Bacigalupi (Colorado, 1972) publicada en 2009 e gañadora dos premios Hugo, Nebula e Locus.
Está considerada como unha das máximas representantes do subxénero clima ficción. Trátase dunha variedade do xénero distópico. A trama sitúase nun futuro no que a humanidade sofre as consecuencias negativas do cambio climático: aumento das temperaturas e do nivel do mar, escasez de alimentos e esgotamento dos combustibeis fósiles. Somentes os militares e algunhas persoas ricas e poderosas dispoñen de "diesel de carbón". O mundo está dominado polos fabricantes de calorías e os fabricantes de Joules. Os primeiros deseñan mediante enxeñería xenética vexetais e animais resistentes as novas enfermidades e de alto rendemento para alimentar á poboación. Os segundos buscan sistemas industriais que permitan fabricar máquinas. As fontes de enerxía máis estendidas son a forza muscular das persoas e a dos animais. Temos ordenadores a pedales, ventiladores a manivela. O transporte urbano é en bicilceta. Volven os rickshaws En moitos procesos utilízase a forza dos megodontes, especie de elefantes xenéticamente modificados. O transporte por mar é en barcos de vela, e por aire en dirixibles. Un sistema que parece ter certo éxito é o resorte percutor. Este utilízase en pistolas e rifles, pero tamén en motocicletas e automóveis.

As grandes corporacións fabricantes de calorías ou de joules dominan o mundo. O reino de Tailandia consegue manter a súa independencia destas corporacións gracias, en gran medida, á piratería xenética que lles permite producir os seus propios alimentos resistentes ás plagas, sen depender do exterior. Ademáis,o reino manténse estable e unido grazas á fidelidade da poboación á raíña e ao sentimento budista de resistir nesta vida para mellorar na próxima.

Neste contexto, a chica mecánica, un neoser  deseño xenético dos xaponeses, desencadena a grande crise que precipita toda a trama. As faccións políticas do reino e as corporacións extranxeiras tratan de sacar vantaxe da situación...

24/4/14

Por amor a la física

O autor desta obra de divulgación científica é o astrofísico e profesor Walter Lewin (Holanda, 1936). Lewin exerceu a docencia no MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, Estados Unidos) durante máis de trinta anos, ao tempo que se adicaba a investigación no campo da astronomía de raios X.
Este libro recolle algunhas das leccións de física básica que deu no MIT tanto aos seus alunos de primeiro ano universitario como ao público en xeral. O estilo de Lewin e algunha das súas demostracións convertírono nun dos profesores de física máis famosos do mundo. A gravidade, a electricidade, o electromagnetismo, os arcos da vella,... son obxeto destas leccións.
Medio en serio e medio en broma, Lewin arrisca a súa vida poñéndoa en mans das leis da física nas que, como el di, confía cegamente. O que persigue e sorprender, que ninguén permaneza indiferente ante a física.

Tamén adica algúns capítulos á súa investigación científica que deu lugar ao descubrimento das estrelas binarias de neutróns e a confirmación dos buratos negros, entre outros fitos.

Dispoñible na biblioteca do IES de Teis.

7/3/14

El cuento de la criada

Novela publicada en 1985 pola escritora canadiana Margaret Atwood, premio Príncipe de Asturias das letras de 2008.

Esta novela é considerada por algúns críticos como de ciencia ficción, aínda que esto resulta algo forzado xa que non ten propiamente elementos científicos. O certo é que se trata dunha distopía, novela situada nun futuro indesexable, con perda de libertade e democracia. Ao igual que en Fahrenheit 451, unha das cousas que está prohibida é a lectura. Da mesma autora, temos neste blogue Oryx y Crake, distópica tamén pero máis científica. Porén, esta novela gañou o Premio Arthur C.Clarke á mellor opera prima de ciencia ficción de 1987.

Nun futuro situado a finais do século XX, os Estados Unidos convertíronse nunha dictadura relixiosa cristiana e puritana. Tódalas demáis confesións están prohibidas e castigadas coa morte. Ao igual que 1984 de Orwell, o estado mantén unha guerra fantasma da que se ten poucas noticias e que xustifica boa parte das restriccións das libertades.
A obra relata a situación dunha muller (a criada) e, por extensión, de todas as mulleres. As mulleres son obxectos clasificados en categorías en función das súas capacidades reproductoras. Así temos: Tías, Esposas, Criadas, Marthas, Econoesposas e Nonmulleres. A función das Criadas é seren fecundadas polos homes de certa relevancia social no réxime, chamados Comandantes, e cuias Esposas non teñen, pola idade ou por naturaleza, esta capacidade. No límite da cosificación, as Criadas perden o seu nome e chámanse Defred, Deglen,... segundo pertenzan ao Comandante Fred ou Glen.

Como en 1984, Fahrenheit 451 ou Un mundo feliz, os problemas veñen cando a alguén se lle da por pensar e facerse preguntas. A resposta do réxime é sempre a mesma: ou se pode reeducar ou se elimina. Neste caso, a eliminación chámase salvación.

4/2/14

Marte verde

Segunda entrega da triloxía marciana de Kim Stanley Robinson, publicada en 1994 e gañadora dos premios Hugo e Locus dese ano.

Despois do fracaso da revolución de 2061, os supervivintes dos primeiros cen poboadores de Marte están na clandestinidade esperando tempos mellores. O planeta ten xa moitas cidades e gran poboación. As tarefas de terraformación avanzan: a atmosfera é cada día máis densa e a temperatura media ambiente sube e está próxima aos cero graos celsius. Liques modificados xenéticamente liberados no chan sobreviven na superficie. Nalgunhas zonas mesmo resisten outros vexetais (musgos, cereais e algunhas arbores). Hai proxectos de inundar grandes cráteres para formar mares e océanos. Os seres humanos aínda necesitan vivir baixo cúpulas, pero o tempo en que sexan capaces de resistir no exterior está proximo.

Na Terra, as grandes compañías transnacionais  convertense en metanacionais: poucas e moi poderosas. Son propietarias dos países. Estes son, ao tempo, os seus clientes e os seus vasallos. Estas compañías pretenden repetir a situación en Marte: desexan ser as propietarias do planeta e, por tanto, dos seus recursos mineiros. A autoridade das Nacións Unidas é so nominal. A ONU é un títere nas mans das metanacionais.

Fronte a esta situación, os primeiros cen, moitos poboadores chegados con posterioridade e as novas xeneración de nados en Marte forman a resistencia. Non teñen as mesmas opinións, sobre todo no que se refire á terraformación. So lles une a oposición ao dominio comercial, político e militar de Marte por parte das metanacionais.  O xerme da revolución está plantado...

Nesta segunda parte, reconstrúese o ascensor espacial derribado na anterior. Os rebeldes, que na primeira parte fixeron desaparecer o satélite Fobos, agora fan o mesmo con Deimos mediante un inxenioso mecanismo. A enxeñería de cúpulas, edificios, pontes, vías de trens, vehículos terrestres e voadores, non coñeze límites. A xeoloxía de Marte (areoloxía), moi cambiada polos seres humanos, volve ter gran presenza. Ademais temos unha incipiente flora no planeta. As persoas viven 150 anos ou máis grazas a o tratamento xerontolóxico. Os primeiros seres humanos nados en Marte son moito máis altos e esbeltos debido a menor gravidade. É dicir, moita ciencia.
  

 

25/11/13

Dune


Novela de ciencia ficción fantástica escrita por Frank Herbert en 1965. Gañou os premios Nébula e Hugo. O grande éxito editorial fixo que o autor escribise moitas secuelas formando unha auténtica serie de quince ou vinte títulos.

Dune é un planeta tamén coñecido como Arrakis. É desértico, nunca chove. A auga é un ben moi escaso e apreciado. Os desertos de Dune producen a melange, unha especia de gran poder adictivo e que, entre outras virtudes, proporciona poderes de presciencia ou premonición. A especia cotízase moito en todo o universo habitado. O inconvinte son os xigantescos gusanos de area (centos de metros de longo) que patrullan o deserto.

A poboación nativa son os Fremen, etnia adaptada á vida no deserto, grandes guerreiros e respetuosos co seu medio. Dúas casas dispútanse o dominio de Arrakis e o comercio da melange, os Harkonen, apoiados polo emperador, sanguinarios, corruptos e sen escrúpulos e os Atreides, aliados dos Fremen. O herdeiro da casa Atreides convértese nun lider político, militar e relixioso dos Fremen.

Relixión, política, economía e mercado, ecoloxía, maxia e poderes especiais, euxenesia, son diversos temas que están presentes nesta obra máis fantástica que científica. Certas naves (tópteros) os escudos contra armas e os láseres son os ingredientes científicos.

En 1984 foi levada ao cine. Aquí tes o trailer

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...