26/12/11

Cuentos de la taberna del Ciervo Blanco

Este volume inclúe narracións curtas escritas por Arthur C. Clarke entre 1953 e 1956, e publicadas en 1957.

As historias son narradas na tertulia de escritores e científicos que se reune nun pub londinense, case todas por Harry Purvis, enigmático e ocorrente científico, cheo de sorpresas. A maior parte delas son moi inverosímiles pero contadas de xeito convincente. Non están situadas no futuro, senon no presente, pero supoñen unha atevida extrapolación das posibilidades científicas e tecnolóxicas da época. Aínda que os detalles científicos non están moi desenvolvidos, sempre parten, como é habitual en Clarke, dun fondo real. Máquinas que fabrican silencio, barcos que aran o mar, termitas que fabrican instrumentos, plantas carnívoras miedosas, etc.

13/11/11

Einstein 1905. Un año milagroso. Cinco artículos que cambiaron la física.

Albert Einstein era un descoñecido empregado da Oficina de Patentes de Berna (Suiza), aínda que non estaba desconectado de todo da actividade científica. De feito xa tiña publicado algúns artigos científicos en revistas de prestixio despois de terse graduado en 1900. En 1905 publica na revista Annalen der Physik cinco artigos sobre tamaño molecular e movemento browniano, relatividade especial e equivalencia masa-enerxía e efecto fotoeléctrico que supuxeron unha completa revolución nos campos da mecánica cuántica e a mecánica relativista.
En 1921, Einstein recibiu o premio Nobel de Física polo seu artigo "Un punto de vista heurístico sobre a producción e transformación da luz", un dos cinco dese ano, o adicado ao efecto fotoeléctrico.
A IUPAP (Unión Internacional de Física Pura e Aplicada) e a UNESCO, declararon o ano 2005, centenario de 1905, como Ano Mundial da Física.

Este libro recolle eses cinco artigos, introducidos e comentados por John Stachel, profesor da Universidade de Boston, especialista en relatividade e historiador científico. Ademais ten un prólogo de Roger Penrose, profesor en Oxford e divulgador e filósofo das matemáticas e da física.

Os artigos propiamente ditos non sempre son de lectura doada, pois non deixan de ser artigos científicos de alto nivel, pero as introduccións de Stachel son moi ilustrativas, interesantes e dan unha idea moi axeitada da importancia de eses cinco artigos na historia da ciencia. Están ao alcance de todo tipo de lector curioso, independentemente do seu nivel de coñecemento científico.

31/10/11

¿Sueñan los androides con ovejas eléctricas?

Novela de Philip K. Dick escrita en 1968.

Unha guerra nuclear deixou o planeta cuberto de polvo radiactivo, de xeito que a maior parte da poboación emigrou ás colonias como Marte e outros planetas. Para axudar na colonización, os humanos fabrican androides, seres artificiais pero indistinguibles a simple vista dos humanos. Grupos de androides regresan á terra fuxindo da escravitude á que están sometidos.
O protagonista é Rick Deckard, policía cazador de recompensas, encargado de detectar e retirar (matar) aos androides.

Como se ve, a novela presenta aspectos distópicos. Tamén trata o tema relixioso. Todos os humanos seguen o mercerismo, movemento filosófico fundado por Wilbur Mercer que supón unha comunión das persoas para acadar a renovación.

Pero, se cadra, o máis importante é a frontera difusa entre realidade e irrealidade. En particular: se logramos fabricar tecidos orgánicos indistinguibles dos naturais e se a intelixencia artificial permite fabricar cerebros que incorporen cada vez máis funcións propias do cerebro humano, onde reside, entón, a humanidade?
Para detectar a un androide (ou andrillo), os cazadores de recompensas aplican un test que recoñece a súa única incapacidade: a posibilidade de poñerse no lugar dos outros ou empatía.
Pero cada vez é mais difícil a detección, e a interpretación dos test é máis sutil. Os propios humanos dudan da súa propia condición natural. Algúns androides descoñecen a súa condición de sintéticos.

A novela foi adaptada ao cine por Ridley Scott en 1982 co título de Blade Runner. Protagonizada por Harrison Ford (un blade runner ou cazador de recompensas) e Rutger Hauer (un replicante ou androide). Os termos blade runner e replicante non aparecen na novela.

Aquí tes os minutos finais da película:



Disponible na biblioteca do IES de Teis

1/10/11

Cita con Rama

Escrita en 1972 por Arthur C. Clarke. Foi galardoada cos premios Nebula de 1973, Hugo de 1974 -ámbolos dous son os máis prestixiosos da Literatura de Ciencia Ficción- e Locus de 1974.

No século XXII descúbrese un presunto asteroide cunha traxectoria que o aproximará moito á terra e ao sol. bautízase como Rama. Unha nave achégase a Rama e descubre que non é un asteroide senon un inmenso vehículo interestelar de forma cilíndrica e vertixinosa rotación. Trátase, por tanto, do primeiro contacto cunha civilización alieníxena.

Rama resulta ser unha caixa de sorpresas. Moitos dos enigmas de Rama non son desvelados nesta novela e compre esperar ás continuacións para resolvelas: Rama II (1989),  El jardín de Rama (1991), Rama revelada (1993). Non obstante, as condicións dinámicas de Rama e o seu interior, a gravidade artificial, o comportamento dos fluídos, etc, están moi ben tratadas como é habitual en Clarke. De feito, esta novela considérase o paradigma da chamada Ciencia ficción dura, aquela na que os aspectos científicos están especialmente ben cuidados.

Hai un antiguo proxecto de adaptar ao cine esta novela, pero aínda non fructificou.

Dispoñible na biblioteca do IES de Teis

11/9/11

El mundo y sus demonios

Obra de Carl Sagan publicada en 1995.


Carl Sagan naceu en Nova Iork en 1934 e morreu en Seattle en 1996. Foi un dos divulgadores científicos máis respetados e populares. A súa fama ven, sobre todo, da serie de TV "Cosmos".  Científico que se adicou a astronomía e, en particular, a exobioloxía ou astrobioloxía, disciplina que estudia as posibilidades de vida fora da terra.

Nesta obra, Sagan tenta explicar ao público xeral os fundamentos do método científico e o que el chama o "pensamento crítico" ou "pensamento escéptico". Como podemos diferenciar a auténtica ciencia da "palabrería" os pseudociencia. Por que debemos confiar na ciencia ou nos científicos e non nos magos, "mentalistas", "psíquicos" e outros polo estilo.

Sagan advírtenos contra as falsas argumentación ou falacias. Propón un kit do escéptico, e anímanos a pensar por nós mesmos.

Esta é a obra inprescindible que toda persoa que aspire a formarse un criterio propio debería ler.

Desafortunadamente, coma sempre, non está libre dos erros habituais nas traduccións do inglés. Por exemplo, na páxina 199, fala de "civilizacións a billóns de anos-luz" e de certa cantidade expresada con "dez ou máis figuras significativas". Que sería o correcto?

4/9/11

El juego de Ender

Primeira novela da "Saga de Ender", formada por El juego de Ender (1985), La voz de los muertos (1986), Ender el xenocida (1991), Hijos de la mente (1996) e Ender en el exilio (2008), do autor norteamericano Orson Scott Card.
Gañadora dos principais premios da literatura de ciencia ficción, entre eles o Premio Hugo e o Premio Nébula.

A Terra está ameazada pola posibilidade de invasión dunha civilización extraterrestre superior. Ender e un neno posuidor dun xenio militar incomparable e chamado a liderar e salvar á humanidade. O precio que Ender paga é a súa infancia, a súa liberdade e, mesmo, o seu equilibrio mental.

A novela lese con moito interés. A trama, con moito xogo de ordenador e a evolucion física e psíquica de Ender é apaixoante. Publicada en 1986, acerta no anticipo da comunicación e relación entre persoas a través da rede no que hoxe en día son os blogues e os foros. Aínda que en 1986 xa existía a rede e os foros, estos eran totalmente descoñecidos para o gran público e reducíanse ao ámbito científico. Só se estenderon e popularizaron a partir da creación da World Wide Web en 1989 e as ferramentas de usuario para crear foros e blogues do século XXI.

Disponible na biblioteca do IES de Teis.

No ano 2013 levouse ao cine nunha película dirixida por Gavin Hood e con Harrison Ford no papel do coronel Graff. Este é o trailer:

3/8/11

O ceo dos afogados

Obra de Francisco Castro, profesor de filosofía e escritor natural de Vigo. Esta novela xuvenil resultou finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2007.

Non creo que o autor pensase que estaba a escribir unha novela de ciencia ficción, pero a temática científica da mesma faime traela a este blogue.

A novela recorda a realismo máxico galego e latinoamericano. A situación plantexada e verdadeiramente sorprendente: todos os golfiños do mundo reúnense en doce lugares  e sofren simultáneamente un repentino afogamento. Para entender e solucionar a situación, entran en xogo os científicos do mundo e un rapaz especial.
A temática científica parece que é un enfrontamento entre a química (ciencia do mal) e a zooloxía (ciencia do ben). En todo caso é unha oportunidade para a reflexión sobre que é o que estamos a facer co planeta.

Disponible na biblioteca do IES de Teis

25/7/11

Tiempo de Marte

Novela do escritor estadounidense Philip K. Dick, (1928-1982), autor de moitas obras famosas como O home no castelo, premio Hugo en 1963 ou Soñan os androides con ovellas eléctricas?, de 1968 y que é o relato no que se basou a extraordinaria película de Ridley Scott, Blade Runner, de 1982, con Harrison Ford e Rutger Hauer como protagonistas.

Tempo de Marte sitúanos nun planeta árido, colonizado polos humanos. Existe unha raza de humanos nativos "os escuros", en decadencia, ao borde da extinción e explotada polos colonos terrícolas.  Diversas colonias compiten por sobrevivir, utilizando a corrupción, o tráfico de influencias, o contrabando, o asesinato, o soborno e outras armas políticas.

Certo corrupto personaxe tenta usar no seu beneficio o talento dun técnico e as dotes especiais dun neno autista e esquizofrénico. Deste xeito, o autor penetra nos misterios do tempo e o espacio, construindo unha trama redonda.

Disponible na biblioteca do IES de Teis.

11/7/11

Historia de las Ciencias 3. La Ciencia del siglo XVIII.

Terceiro volume da Historia da ciencia de Stephen F. Mason.
No século XVIII resólvese o problema de determinar a lonxitude na navegación mediante a invención e fabricación de cronómetros. Tamén se resolven certos problemas das minas coa máquina de vapor de Watt.
En astronomía, comeza a intuirse o tamaño e estrutura do universo co descubrimento de Urano e a constatación da existencia de galaxias, unha das cales é a Vía Láctea.

A química avanza enormemente, superando a pseudociencia da iatroquímica, popular no século XVII, grazas a notables científicos como Cavendish e, sobre todo, o grande Antoine de Lavoisier que establece as bases da química moderna.

Mais a ciencia que experimenta maior pulo neste século é a bioloxía (incluíndo a botánica, a zooloxía a anatomía e a fisioloxía).
Linneo, Cuvier e Lamarck poñen as bases da clasificación e taxonomía dos seres vivos.
Se desenvolve a embrioloxía. A comparación dos embrións permitiu unha mellor clasificación dos animais.
O propio Lamarck, Erasmus Darwin (avó de Charles Darwin), Hilaire e outros, comezan a discutir sobre a evolución das especies creando o ambiente científico que fructificou na teoría darwinista.
Neste século comeza tamén a teoría celular que se consolida no seguinte século.

Disponible na biblioteca do IES de Teis

18/6/11

El joven Einstein

Escrita por Lewis Pyenson, profesor da Universidade de Louisiana e famoso historiador da ciencia.

Trata dos anos mozos de Albert Einstein, os seus estudios en Munich (Alemania), primeiro, e logo en Aarau e Zurich (Suiza), a situación da súa familia, as dificultades do negocio familiar e como tiveron que marchar a Italia ante a quebra da súa empresa en Munich.

Tamén trata da situación dos xudeos na Alemaña de fines do século XIX, a educación, o estado das matemáticas e da física no ensino secundario e universitario, e como esto modelou ou condicionou a personalidade de Einstein.

Finalmente, conta a influencia dos científicos alemanes de principios do século XX na ciencia de todo o mundo, especialmente en matemáticas, física, astronomía, etc. e a posición destes científicos diante do conflicto bélico na Primeira Guerra Mundial

Disponible na biblioteca do IES de Teis

7/6/11

Exogamia 0.3

Exogamia 0.3 é unha colección de relatos breves de temática marcadamente social no que a ciencia (ficticia ou non) ten unha importancia supeditada á situación que o autor quere plantexar. Como dí a contraportada do libro:

 "... reúne media ducia de relatos, non estritamente literarios, suxestivos e non pechados, que permiten abrir un debate necesario sobre algúns dos temas candentes do noso tempo, cuestións nas que a ciencia é protagonista, problemas decisivos para a humanidade aos que ninguén pode quedar alleo."

Obra corta, de 89 páxinas, moi doadas de ler, pero cheas de motivos para a reflexión.

Consulta aquí para o significado do termo "exogamia".

O autor é Ramón Caride, galego, biólogo e profesor de instituto.

Disponible na biblioteca do IES de Teis.

28/5/11

Viaje a la luna / El otro mundo o Los estados e imperios de la luna

Publicado en España indistintamente co título "Viaje a la luna" ou "El otro mundo o Los estados e imperios de la luna", é esta unha obra publicada póstumamente de Cyrano de Bergerac.

Cyrano viviu en Francia de 1619 a 1655, rematou de escribir esta obra en 1650, pero non foi publicada ata 1657. Da edición encargouse un amigo seu, que recortou certos pasaxes pensando que non serían aceptados pola sociedade e autoridades civís e relixiosas de entón.

Aínda que se pode considerar un antecedente do xénero da ciencia ficción  (por iso a traemos aquí), Viaje a la luna é sobre todo unha obra que critica e satiriza as convencións da época. Cyrano ataca o xeocentrismo ptolemáico, así como o idealismo aristotélico, e, de paso, moitas das máis sagradas crencias "oficiais" da sociedade so século XVII, e as convencións morais:

"Desgraciado país aqul no que os distintivos da xeneración [da vida] son ignominiosos e os do exterminio honrosos" é unha frase clamorosa do protagonista.

Aparte desto, os métodos para a viaxe á lúa son calquera cousa menos "científicos". Eso sí, moi inxeniosos.

Cyrano é hoxe en día un persoaxe mítico debido a un drama de Edmond Rostand do século XIX, adaptado varias veces ao cine. Por el sabemos do seu gran nariz:

Disponible na biblioteca do IES de Teis có título "Viaje a la luna".

10/4/11

El hombre invisible (O home invisible)

Novela de Herbert George Wells, escritor inglés (1866-1946), autor tamén de "A guerra dos mundos" e "A máquina do tempo", xa comentadas.

Un científico medio loco ten descuberto un sistema para facer invisibles os tecidos vivos e decide probalo nel mesmo. Despois de certas dificultades, o home invisible trata de ocultar o seu descobrimento e beneficiarse del utilizando a invisibilidade para roubar. Pronto xenerase un gran temor nos alrededores e, o home invisible é perseguido.

A novela fainos reflexionar sobre os riscos da ciencia: risco para o propio científico e para a sociedade. Tamén fainos pensar sobre o rexeitamento que produce todo o que é diferente

Foi levada ao cine con adaptacións máis ben libres en diversas ocasións, por exemplo, a primeira en 1933 co título "O home invisible". A última, por agora, é do ano 2000, "O home sin sombra" con Kevin Bacon e garda pouca relación coa trama da novela:



Disponible na biblioteca do IES de Teis en galego e en castelán.

Hai unha versión completa en internet aquí.

25/1/11

Fahrenheit 451

Novela de Ray Bradbury do que xa comentamos Crónicas marcianas. Fahrenheit 451 é unha novela distópica (como 1984 ou Un mundo Feliz) publicada en 1953. Foi galardonada en 2004 co premio Hugo de 1954, de xeito retrospectivo.

451 grados Fahrenheit é a temperatura á que se inflama o papel (uns 233 ºC).
O protagonista, Montag, é un bombeiro. O seu traballo non é apagar lumes, senon queimar libros pois están prohibidos. Na sociedade que presenta esta obra suponse que os libros producen infelicidade. Os libros fan pensar e iso non é bo. A felicidade ven da televisión. Nunha vivenda media pode haber tres ou catro aparellos de televisión, cada un deles ocupa unha parede completa.
Montag comeza a ter dúvidas e facerse preguntas respecto ao seu traballo e os libros, e convértese nun proscrito, perseguido pola sociedade. Xa naquela época, Bradbury foi quen de ver os perigos da chamada "caixa tonta".

Foi levada ao cine en 1966 por François Truffaut:



Disponible na biblioteca do IES de Teis en galego e en castelán

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...