25/6/13

Guía del autoestopista galáctico

Ciencia ficción humorística. Escrita por Douglas Adams e publicada en 1979. Orixinalmente foi unha comedia radiofónica emitida ao longo de 1978. É a primeira dunha serie descrita polo autor como "Triloxía en catro volumes" e que en realidade está formada por cinco novelas. Adams (1952-2011) foi un representante do especial humor inglés característico, por exemplo, do grupo Monty Python, co que traballou ocasionalmente e co que tiña certa relación persoal.

A trama está construída a base de situacións inverosímiles ou absurdas, con golpes de efecto inesperados. Abundan os trebellos ou inventos imposibles. Os protagonistas viaxan nunha nave impulsada pola enerxía do campo de improbabilidade infinita que permite estar en calquera punto do universo instantaneamente. Hai, sen embargo, un invento que resultou anticipatorio: o libro electrónico. A guía á que fai referencia o título está en formato electrónico. Pensade que a novela é de 1979 cando as tecnoloxías da información e comunicación estaban nos seus comezos. Un achádego especial é  Marvin, un robot depresivo invadido pola melancolía. Tamén está Eddie, o computador central de a bordo, faltón, impertinente e sarcástico.

En tono humorístico, o autor plantexa a pregunta máis importante da existencia dos seres racionais, a pregunta da vida do universo e do todo. Unha superintelixencia artificial atopa a resposta despois de sete millóns e medio de anos de cálculos. A resposta é... Mellor que leades o libro.

Foi levada ao cine en 2005. Aquí tes un fragmento:





Dispoñible na biblioteca do IES de Teis.

3/6/13

La caída de Hyperion

Continuación da novela anterior (Hyperion) que forma con ela unha unidade. A trama queda pendente na primeira parte e resólvese nesta segunda. Probablemente se publicou separadamente debido a gran extensión que tería de ser publicada conxuntamente. Esta segunda parte acadou o premio Locus de 1991 e foi finalista dos Hugo e Nebula.

Nesta continuación chegamos a entender a relación entre as peregrinacións ás Tumbas do Tempo e os enfrontamentos cos exters (os do exterior, etnia humana que leva varios séculos separada do resto) e coas intelixencias artificiais (IA). A base das contribucións dos distintos persoaxes, o lector consegue unha visión global da situación.

A acción sitúase arredor do século XXVIII. A Terra foi destruída hai, alomenos 500 anos, como resultado dun incidente denominado o erro de Kiev, (Kiev é a capital de Ucrania, lémbrese que Chernóbil está en Ucrania. O accidente de Chernóbil foi en 1986, as novelas son de 1989). Boa parte dos avances científicos e técnicos (notablemente o teleyector: transporte instantáneo) foron atopados polas IA e regaladas á humanidade.

A novela propón reflexionar sobre varios asuntos: a capacidade de superación e esforzo fronte a comodidade e a vida resolta; o respecto á naturaleza fronte a modificación da naturaleza para adaptala ás nosas necesidades ou intererese; a lealdade á patria, ao grupo ou á especie; a naturaleza dun ser ou intelixencia superior e a ética da actuación dese ser superior e dos humanos fronte ao ser superior...

Se a imaxe da portada da novela anterior era horrible, nesta segunda parte consegue superalo ampliando a parte máis fea da mesma.


LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...