23/7/10

Galileo, mensajero de las estrellas

Escrita por Jean Pierre Maury, profesor de Física na Universidade de París, narra a vida de Galileo (Pisa, 1564; Florencia, 1642), concentrándose no período que vai de 1609 ata 1634. Esta é a etapa máis produtiva de Galileo e, ao tempo, na que tuvo máis problemas.

O período comeza coa construcción e uso por parte de Galileo do seu telescopio e os importantes descubrimentos que fixo: o carácter montañoso da lúa, as fases de venus, os satélites galileanos de Xupiter, a existencia de moitas máis estrelas das que se ven a simple vista e o feito de que a Vía Láctea está composta tamén por estrelas. Estes feitos son proba de que a concepción xeocéntrica do universo (defendida pola igrexa católica) é errónea e, pola contra, a hipótese heliocéntrica (proposta por Copérnico e defendida por Galileo) é a correcta.

A posición de Galileo provoca que sofra dous procesos da Inquisición, o primeiro en 1616 e o segundo en 1633. Neste último, condéaselle a renegar do heliocentrismo, cousa que Galileo, vello e cansado, fai.

O libro ten numerosas ilustracións que axudan a comprender mellor o texto, xa de por sí sinxelo e sen tecnicismos.

Dispoñible na biblioteca do IES de Teis.

20/7/10

Oryx y Crake


Novela escrita en 2003 por Margaret Atwood, escritora canadiana nacida en 1939, Premio Príncipe de Asturias das Letras en 2008, activista en favor dos dereitos humanos e de causas ambientais. É membro de Amnistía Internacional e de BirdLife International.
Esta obra, que podemos considerar dentro da anticipación científica distópica (1984, Un mundo feliz,...), presenta un futuro no que parece sobrevivir un único ser humano, Home das neves, antes chamado Jimmy, despois de certa catástrofe provocada polo mal uso de algún descubrimento ou técnica científica. A parte de Home das neves, existe un pequeno grupo de seres humanos diferentes, resultado dunha profunda manipulación xenética, os crakers ou fillos de Crake. Tamén están os fillos de Oryx, animais híbridos, como os "porcóns", os "lobicáns", as "serpatas", etc.
A novela intercala flashbacks (voltas atrás) que contan a historia previa de Jimmy e, pouco a pouco, permite ao lector desvelar as chaves que explican a situación actual. Esta situación non será totalmente comprendida ata o final da novela, mantendo a intriga e o interese ata o último capítulo.
Atwood avisa dos perigos que un mal uso dos avances científicos (neste caso, médicos e de inxeñería xenética) poden supor para unha sociedade consumista e adocenada. Especialmente crítica móstrase co tipo de xoven ou adolescente que pasa ou seu tempo con videoxogos violentos, crueles e macabros.

14/7/10

Yo, robot


Máis que unha novela é unha colección de relatos curtos independentes, pero cun fío conductor común: a compañía U.S. Robots & Mechanical Men Inc., que fabrica os robots, e a robopsicóloga Susan Calvin.
Escrita por Isaac Asimov e publicada en 1950, cada relato situanos diante de diversos tipos de máquinas intelixentes: robots que len o pensamento, robots que tolean, robots con sentido do humor...
Neste libro, Asimov enuncia as famosas Tres leis da robótica:
1. Un robot non debe dañar a un ser humano ou, por omisión, permitir que sofra dano.
2. Un robot debe obedecer sempre aos humanos, excepto cando as órdenes vaian contra a primeira lei.
3. Un robot debe protexerse a sí mismo excepto cando esta protección vaia contra a primeira ou a segunda lei.
Estas leis tiveron gran influencia en toda a ciencia ficción posterior e, mesmo no desenvolvemento da robótica e a intelixencia artificial.
Coa axuda das tres leis, Asimov resolve diversos conflictos éticos e psicolóxicos que van máis alá da mera ciencia ficción de aventuras.
A película do mesmo título, dirixida por Alex Proyas en 2004 e protagonizada por Will Smith, non é unha verdadeira adaptación da novela. Únicamente incorpora as tres leis, algúns personaxes e certas situacións, pero o guión non guarda relación coa obra de Asimov.

Disponible na biblioteca do IES de Teis.

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...