22/9/14

El tarot ¡vaya timo!

Este libro pertence á colección editada pola editorial Laetoli en colaboración coa Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico(SAPC). O autor e Javier Cavanilles, conocido escéptico, autor de diversos artículos nos diarios El Mundo e Luz de Levante, así como de varios libros (un sobre as afamadas caras de Belmez). Tamén ten moitos detractores, entre outros, este.

O autor conta a historia das cartas de tarot, xurdido nun primeiro momento como mero xogo na Italia do século XIV. As presuntas virtudes adivinatorias e o presunto saber antigo que as acompañan (mesmo remontándose ao Exipto dos faraóns) foron segundo o autor, engadidos moi posteriores. Tamén fala das barallas mais significativas, interesantes ou artísticas.

Aínda que lle quitemos ao tarot todo o misterio e o carácter paranormal, aínda queda unha historia moi interesante dun xogo clásico e unhas cartas certamente entretidas. O autor documenta esta historia, coas aportacións de tódolos charlatáns e oportunistas que acabaron convertindo o tarot no que é hoxe: un invento máis para enganar á poboación benintencionada.

Disponible na biblioteca do IES de Teis


9/7/14

La luna es una cruel amante

Novela de Robert A. Heinlein (EUA, 1907-1988), considerado un dos grandes do período dourado da ciencia ficción. Foi publicada en 1966 e gañadora do premio Hugo de 1967.
No século XXI hai case cen anos que a lúa foi colonizada. Ao comezo, foi utilizada como prisión onde enviaban os reclusos mais perigosos da terra. Os descendentes deses presos e poboadores novos (reclusos ou non) viven agora na lúa baixo o goberno dictatorial dun Alcaide nomeado pola Autoridade Lunar (da terra). Os colonos son obrigados a cultivar cereais e a fabricar certos produtos que son enviados á terra sen que eles poidan influir nos acordos comerciais. Esto da lugar a un malestar que desemboca nunha revolución. A novela é a historia desta revolución narrada por un dos seus protagonistas, Manuel, Mannie, García O'Kelly Davis, un técnico informático que nunca pensou ser un ideólogo nen  un revolucionario. Peza fundamental é Mike, un supercomputador que espertóu, tomóu conciencia de si mesmo. Mike é capaz de adoptar persoalidades e ter sentimentos. Mesmo está moi interesado no humor humano.

Os revolucionarios da lúa perseguen un sistema político e económico baseado no liberalismo mais esaxerado. Fuxen de todo tipo de impostos. Polo camiño da revolución van abandonando certos valores éticos para favorecer a poboación. (Todo para o pobo, pero que o pobo non moleste, non opine, porque non sabe).

Os poderes de Mike son, certamente, futuristas. As comunicacións son áxiles, aínda que limitadas pola necesidade de ter un teléfono fixo a man. É interesante como plantexa os efectos da vida na baixa gravidade da lúa sobre os organismos das persoas. Un terráqueo non pode pasar moito tempo na lúa se quere estar en condición de poder voltar á terra.

Pero no que Heinlein fracasa (como tamén o fai nas súas novelas outro dos grandes: Asimov) é no papel da muller. Aínda que a sociedade é matriarcal e hai mulleres que son dirixentes da revolución, todas sorrín agradecidas diante dun piropo ou, mesmo, diante dunha palmada nas nádegas. Cousas dos anos sesenta do século pasado (espero). Porén, é interesante a variedade de familias que Heinlein propón.

17/6/14

Las estrellas, mi destino

Novela de Alfred Bester (EEUU, 1913-1987), publicada por primeira vez en 1955. Está considerada como unha das precursoras do subxénero cyberpunk. Trátase dunha variedade de novelas ce ciencia ficción caracterizada por un futuro dominado por grandes corporacións económicas e comerciais, gran nivel de tecnificación e nas que o protagonista adoita ser un antiheroe.

Estamos no século XXV. Hai cen anos que a humanidade descubriu o teletransporte, a posibilidade de transportarse dun lugar a outro a un mesmo polo poder da mente. Este fenómeno denomínase jaunteo, polo apelido da primeira persoa que o puido facer. O jaunteo revolucionou as comunicacións e as relacións sociais. O ser humano habita tres planetas e seis satélites do sistema solar. Unha crise económica provoca un enfrontamento entre os planetas interiores e os satélites exteriores. Neste enfrontamento vese atrapado Gulliver Foyle, un astronauta de terceira de naves de comercio, primitivo, cruel e ávido de vinganza que desenvolve unha gran intelixencia cando se atopa en situacións límite.
Foyle foi abandonado no espacio nunha nave averiada que levaba a bordo un material de poder explosivo varias veces superior ás bombas nucleares. A vinganza de Foyle mistúrase co interese de distintas forzas por recuperar aquel material: compañías da terra, compañías dos satélites, axencias de intelixencia, grandes abogados... Estas son as forzas que dominan o mundo.

26/5/14

La chica mecánica

Novela do autor estadounidense Paolo Bacigalupi (Colorado, 1972) publicada en 2009 e gañadora dos premios Hugo, Nebula e Locus.
Está considerada como unha das máximas representantes do subxénero clima ficción. Trátase dunha variedade do xénero distópico. A trama sitúase nun futuro no que a humanidade sofre as consecuencias negativas do cambio climático: aumento das temperaturas e do nivel do mar, escasez de alimentos e esgotamento dos combustibeis fósiles. Somentes os militares e algunhas persoas ricas e poderosas dispoñen de "diesel de carbón". O mundo está dominado polos fabricantes de calorías e os fabricantes de Joules. Os primeiros deseñan mediante enxeñería xenética vexetais e animais resistentes as novas enfermidades e de alto rendemento para alimentar á poboación. Os segundos buscan sistemas industriais que permitan fabricar máquinas. As fontes de enerxía máis estendidas son a forza muscular das persoas e a dos animais. Temos ordenadores a pedales, ventiladores a manivela. O transporte urbano é en bicilceta. Volven os rickshaws En moitos procesos utilízase a forza dos megodontes, especie de elefantes xenéticamente modificados. O transporte por mar é en barcos de vela, e por aire en dirixibles. Un sistema que parece ter certo éxito é o resorte percutor. Este utilízase en pistolas e rifles, pero tamén en motocicletas e automóveis.

As grandes corporacións fabricantes de calorías ou de joules dominan o mundo. O reino de Tailandia consegue manter a súa independencia destas corporacións gracias, en gran medida, á piratería xenética que lles permite producir os seus propios alimentos resistentes ás plagas, sen depender do exterior. Ademáis,o reino manténse estable e unido grazas á fidelidade da poboación á raíña e ao sentimento budista de resistir nesta vida para mellorar na próxima.

Neste contexto, a chica mecánica, un neoser  deseño xenético dos xaponeses, desencadena a grande crise que precipita toda a trama. As faccións políticas do reino e as corporacións extranxeiras tratan de sacar vantaxe da situación...

24/4/14

Por amor a la física

O autor desta obra de divulgación científica é o astrofísico e profesor Walter Lewin (Holanda, 1936). Lewin exerceu a docencia no MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, Estados Unidos) durante máis de trinta anos, ao tempo que se adicaba a investigación no campo da astronomía de raios X.
Este libro recolle algunhas das leccións de física básica que deu no MIT tanto aos seus alunos de primeiro ano universitario como ao público en xeral. O estilo de Lewin e algunha das súas demostracións convertírono nun dos profesores de física máis famosos do mundo. A gravidade, a electricidade, o electromagnetismo, os arcos da vella,... son obxeto destas leccións.
Medio en serio e medio en broma, Lewin arrisca a súa vida poñéndoa en mans das leis da física nas que, como el di, confía cegamente. O que persigue e sorprender, que ninguén permaneza indiferente ante a física.

Tamén adica algúns capítulos á súa investigación científica que deu lugar ao descubrimento das estrelas binarias de neutróns e a confirmación dos buratos negros, entre outros fitos.

Dispoñible na biblioteca do IES de Teis.

7/3/14

El cuento de la criada

Novela publicada en 1985 pola escritora canadiana Margaret Atwood, premio Príncipe de Asturias das letras de 2008.

Esta novela é considerada por algúns críticos como de ciencia ficción, aínda que esto resulta algo forzado xa que non ten propiamente elementos científicos. O certo é que se trata dunha distopía, novela situada nun futuro indesexable, con perda de libertade e democracia. Ao igual que en Fahrenheit 451, unha das cousas que está prohibida é a lectura. Da mesma autora, temos neste blogue Oryx y Crake, distópica tamén pero máis científica. Porén, esta novela gañou o Premio Arthur C.Clarke á mellor opera prima de ciencia ficción de 1987.

Nun futuro situado a finais do século XX, os Estados Unidos convertíronse nunha dictadura relixiosa cristiana e puritana. Tódalas demáis confesións están prohibidas e castigadas coa morte. Ao igual que 1984 de Orwell, o estado mantén unha guerra fantasma da que se ten poucas noticias e que xustifica boa parte das restriccións das libertades.
A obra relata a situación dunha muller (a criada) e, por extensión, de todas as mulleres. As mulleres son obxectos clasificados en categorías en función das súas capacidades reproductoras. Así temos: Tías, Esposas, Criadas, Marthas, Econoesposas e Nonmulleres. A función das Criadas é seren fecundadas polos homes de certa relevancia social no réxime, chamados Comandantes, e cuias Esposas non teñen, pola idade ou por naturaleza, esta capacidade. No límite da cosificación, as Criadas perden o seu nome e chámanse Defred, Deglen,... segundo pertenzan ao Comandante Fred ou Glen.

Como en 1984, Fahrenheit 451 ou Un mundo feliz, os problemas veñen cando a alguén se lle da por pensar e facerse preguntas. A resposta do réxime é sempre a mesma: ou se pode reeducar ou se elimina. Neste caso, a eliminación chámase salvación.

4/2/14

Marte verde

Segunda entrega da triloxía marciana de Kim Stanley Robinson, publicada en 1994 e gañadora dos premios Hugo e Locus dese ano.

Despois do fracaso da revolución de 2061, os supervivintes dos primeiros cen poboadores de Marte están na clandestinidade esperando tempos mellores. O planeta ten xa moitas cidades e gran poboación. As tarefas de terraformación avanzan: a atmosfera é cada día máis densa e a temperatura media ambiente sube e está próxima aos cero graos celsius. Liques modificados xenéticamente liberados no chan sobreviven na superficie. Nalgunhas zonas mesmo resisten outros vexetais (musgos, cereais e algunhas arbores). Hai proxectos de inundar grandes cráteres para formar mares e océanos. Os seres humanos aínda necesitan vivir baixo cúpulas, pero o tempo en que sexan capaces de resistir no exterior está proximo.

Na Terra, as grandes compañías transnacionais  convertense en metanacionais: poucas e moi poderosas. Son propietarias dos países. Estes son, ao tempo, os seus clientes e os seus vasallos. Estas compañías pretenden repetir a situación en Marte: desexan ser as propietarias do planeta e, por tanto, dos seus recursos mineiros. A autoridade das Nacións Unidas é so nominal. A ONU é un títere nas mans das metanacionais.

Fronte a esta situación, os primeiros cen, moitos poboadores chegados con posterioridade e as novas xeneración de nados en Marte forman a resistencia. Non teñen as mesmas opinións, sobre todo no que se refire á terraformación. So lles une a oposición ao dominio comercial, político e militar de Marte por parte das metanacionais.  O xerme da revolución está plantado...

Nesta segunda parte, reconstrúese o ascensor espacial derribado na anterior. Os rebeldes, que na primeira parte fixeron desaparecer o satélite Fobos, agora fan o mesmo con Deimos mediante un inxenioso mecanismo. A enxeñería de cúpulas, edificios, pontes, vías de trens, vehículos terrestres e voadores, non coñeze límites. A xeoloxía de Marte (areoloxía), moi cambiada polos seres humanos, volve ter gran presenza. Ademais temos unha incipiente flora no planeta. As persoas viven 150 anos ou máis grazas a o tratamento xerontolóxico. Os primeiros seres humanos nados en Marte son moito máis altos e esbeltos debido a menor gravidade. É dicir, moita ciencia.
  

 

25/11/13

Dune


Novela de ciencia ficción fantástica escrita por Frank Herbert en 1965. Gañou os premios Nébula e Hugo. O grande éxito editorial fixo que o autor escribise moitas secuelas formando unha auténtica serie de quince ou vinte títulos.

Dune é un planeta tamén coñecido como Arrakis. É desértico, nunca chove. A auga é un ben moi escaso e apreciado. Os desertos de Dune producen a melange, unha especia de gran poder adictivo e que, entre outras virtudes, proporciona poderes de presciencia ou premonición. A especia cotízase moito en todo o universo habitado. O inconvinte son os xigantescos gusanos de area (centos de metros de longo) que patrullan o deserto.

A poboación nativa son os Fremen, etnia adaptada á vida no deserto, grandes guerreiros e respetuosos co seu medio. Dúas casas dispútanse o dominio de Arrakis e o comercio da melange, os Harkonen, apoiados polo emperador, sanguinarios, corruptos e sen escrúpulos e os Atreides, aliados dos Fremen. O herdeiro da casa Atreides convértese nun lider político, militar e relixioso dos Fremen.

Relixión, política, economía e mercado, ecoloxía, maxia e poderes especiais, euxenesia, son diversos temas que están presentes nesta obra máis fantástica que científica. Certas naves (tópteros) os escudos contra armas e os láseres son os ingredientes científicos.

En 1984 foi levada ao cine. Aquí tes o trailer

23/9/13

La mano izquierda de la oscuridad

Novela publicada en 1969 pola escritora norteamericana Ursula K. Le Guin (California, 1929), primeira muller que obtivo o título de Gran Maestra, otorgado pola asociación de escritores de ciencia ficción dos Estados Unidos de América.

Nun futuro indeterminado, a humanidade está repartida por moitos planetas de diferentes estrelas. Varios de estes mundos forman unha especie de confederación ou comunidade de mundos. Un enviado de esta confederación ou alianza, de orixe terrestre, chega ao planeta chamado Inverno ou Gueden para convencer aos nativos de unírense á confederación. Os habitantes de Inverno teñen experimentado unha evolución separada dos demais humanos e, actualmente, son hermafroditas asexuados que adquiren identidade sexual unha vez ao mes nun ciclo de catro semanas. O mesmo individuo pode ser home nun ciclo e muller noutro. Pode ser pai dalgún neno e nai dalgún outro.
Na sociedade de Inverno non existe tensión sexual nos conflictos sociais ou políticos o que provoca notables dificultades de comprensión do enviado.

A autora explora o comportamento humano desprovisto dun dos elementos chaves do seu desenvolvemento. Non obstante, este comportamento non está exento de intrigas, crueldades e enfrontamentos.
A novela gañou os premios Nébula de 1969 e Hugo de 1970

1/9/13

El creacionismo ¡vaya timo!

Este libro pertence á colección editada pola editorial Laetoli en colaboración coa Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico(SAPC). O autor é Ernesto Carmena, biólogo e colaborador habitual da revista El escéptico da SAPC.

Está escrito como unha carta a un crédulo creacionista. Repasa a meirande parte dos argumentos creacionistas, desmontándoos e poñendo en evidencia o axeitado da evolución por selección natural. O autor trata de explicar que unha cousa é o feito obvio e indiscutible da evolución dos seres vivos, e outra a explicación científica dos mecanismos desa evolución. Esto último e o que se adoita chamar Teoría da Evolución. A presenza do termo "teoría" da pé aos charlatáns para pór en cuestión, non só o mecanismo de selección natural que explica a evolución, senón a evolución mesma. O libro está ben documentado e argumentado. A inconsistencia do creacionismo queda en evidencia.

Non obstante, o estilo do libro, desenfadado, irónico e co desexo de resultar gracioso faino, as veces caer na descalificación e mesmo o insulto aos defensores da posición contraria. Esto non axuda a darlle credibilidade. Se prescindimos deste, na miña opinión, defecto, o libro é altamente recomendable, educativo e informativo.

Disponible na biblioteca do IES de Teis


25/6/13

Guía del autoestopista galáctico

Ciencia ficción humorística. Escrita por Douglas Adams e publicada en 1979. Orixinalmente foi unha comedia radiofónica emitida ao longo de 1978. É a primeira dunha serie descrita polo autor como "Triloxía en catro volumes" e que en realidade está formada por cinco novelas. Adams (1952-2011) foi un representante do especial humor inglés característico, por exemplo, do grupo Monty Python, co que traballou ocasionalmente e co que tiña certa relación persoal.

A trama está construída a base de situacións inverosímiles ou absurdas, con golpes de efecto inesperados. Abundan os trebellos ou inventos imposibles. Os protagonistas viaxan nunha nave impulsada pola enerxía do campo de improbabilidade infinita que permite estar en calquera punto do universo instantaneamente. Hai, sen embargo, un invento que resultou anticipatorio: o libro electrónico. A guía á que fai referencia o título está en formato electrónico. Pensade que a novela é de 1979 cando as tecnoloxías da información e comunicación estaban nos seus comezos. Un achádego especial é  Marvin, un robot depresivo invadido pola melancolía. Tamén está Eddie, o computador central de a bordo, faltón, impertinente e sarcástico.

En tono humorístico, o autor plantexa a pregunta máis importante da existencia dos seres racionais, a pregunta da vida do universo e do todo. Unha superintelixencia artificial atopa a resposta despois de sete millóns e medio de anos de cálculos. A resposta é... Mellor que leades o libro.

Foi levada ao cine en 2005. Aquí tes un fragmento:





Dispoñible na biblioteca do IES de Teis.

3/6/13

La caída de Hyperion

Continuación da novela anterior (Hyperion) que forma con ela unha unidade. A trama queda pendente na primeira parte e resólvese nesta segunda. Probablemente se publicou separadamente debido a gran extensión que tería de ser publicada conxuntamente. Esta segunda parte acadou o premio Locus de 1991 e foi finalista dos Hugo e Nebula.

Nesta continuación chegamos a entender a relación entre as peregrinacións ás Tumbas do Tempo e os enfrontamentos cos exters (os do exterior, etnia humana que leva varios séculos separada do resto) e coas intelixencias artificiais (IA). A base das contribucións dos distintos persoaxes, o lector consegue unha visión global da situación.

A acción sitúase arredor do século XXVIII. A Terra foi destruída hai, alomenos 500 anos, como resultado dun incidente denominado o erro de Kiev, (Kiev é a capital de Ucrania, lémbrese que Chernóbil está en Ucrania. O accidente de Chernóbil foi en 1986, as novelas son de 1989). Boa parte dos avances científicos e técnicos (notablemente o teleyector: transporte instantáneo) foron atopados polas IA e regaladas á humanidade.

A novela propón reflexionar sobre varios asuntos: a capacidade de superación e esforzo fronte a comodidade e a vida resolta; o respecto á naturaleza fronte a modificación da naturaleza para adaptala ás nosas necesidades ou intererese; a lealdade á patria, ao grupo ou á especie; a naturaleza dun ser ou intelixencia superior e a ética da actuación dese ser superior e dos humanos fronte ao ser superior...

Se a imaxe da portada da novela anterior era horrible, nesta segunda parte consegue superalo ampliando a parte máis fea da mesma.


13/5/13

Hyperion

Obra de Dan Simmons, escritor estadounidense dos xeneros de fantasía e terror, ademáis do de ciencia ficción. Nado en 1948.
Hyperion é a primeira novela dunha tetraloxía titulada Os Cantos de Hyperion. Acadou os premios Hugo e Locus de 1990 e o premio Ignotus de 1991.

Sete peregrinos deben achegarse as Tumbas do Tempo e atoparse co terrible Alcaudón no planeta Hyperion. Cada peregrino ten unha razón diferente para ir a Hyperion. Do resultado da súa peregrinación depende o futuro da humanidade, estendida pola galaxia e en guerra cos exters e as IA (Intelixencias Artificiais).

Aínda que, nesta obra,  a ciencia ficción mestúrase coa fantasía e o terror, o autor respeta certas convencións: as viaxes espaciais estan suxeitas á mecánica relativista. A deuda temporal, (diferencia entre o tempo da viaxe medida na nave e no planeta), ten unha incidencia notable na trama. Existen os teleyectores, portais que permiten teletransporte instantáneo. As comunicacións establécense por comlog (sistema que ten similitudes con internet, case descoñecido na época na que se escribiu a novela, pero moi superior) ou por multilínea, tamén instantánea. Os distintos planetas nos que habita a humanidade teñen as sús propias condicións de gravedade e os seus periodos orbitais.

Dan Simmons aproveita para facer homenaxe a algúns dos seus autores preferidos, especialmente o poeta John Keats, do cal toma o título (Hyperion) e ao que, indirectamente inclúe na trama. En distintos pasaxes da obra e, aproveitando que se narran historias parciais, adopta o estilo de Chaucer ou de Dashiel Hammet, entre outros.

A novela foi moi ben recibida por público e crítica. Ten unha gran calidade literaria e a historia resulta amena e sorprendente.

O peor é a espantosa imaxe da portada.

18/4/13

La homeopatía ¡vaya timo!

O autor deste libro, Victor-Javier Sanz é médico cardiólogo e foi vicepresidente de SAPC (Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico), sociedade que edita esta colección (¡Vaya timo!) en colaboración coa editorial Laetoli. Este o o duodécimo volume da colección.

A homeopatía, fundada polo médico alemán do século XVII Samuel Hahnemann, parte de dous principios fundamentais. En primeiro lugar di que o mesmo que causa a enfermidade a cura. (Similia similibus curantur: o similar cura ao similar). En segundo lugar, a eficacia dos remedios homeopáticos crece canto máis diluídos estean. Ademais, todo adornado coa dinamización e a memoria da auga.
O Dr. Sanz explica e analisa a teoría e práctica homeopática e os ensaios clínicos que, presuntamente, a apoian. Esta práctica, di, naceu nunha época na que a meirande parte dos coñecementos biolóxicos, químicos, xenéticos, anatómicos, fisiolóxicos e patolóxicos actuais estaban por descubrirse. A ciencia médica aínda falaba dos "principios ou forzas vitais" e do equilibrio entre forzas ou humores naturais. Neste sentido, Sanz sostén que a homeopatía e herdeira da tradición escolástica na que a fe prevalece sobre a razón. A homeopatía non so é unha pseudociencia, senón que é a raiña das psudociencias: maxia en estado puro.

O autor desmonta todos os presuntos éxitos desta práctica, descubrindo os erros ou falacias nos estudos clínicos en que dicen basearse e, sobre todo, explica as inconsistencias ou, directamente, barbaridades que propón a homeopatía.

É moi interesante a cita que fai de Steven Weinberg premio Nobel de Física de 1979, do que temos este libro neste blogue,  respeto a maxias, pseudociencias e charlatanerías:

Supoñamos que unha revista médica publica dous artigos que informan da curación da escrófula: un mediante a inxestión de sopa de polo e o outro tocando a man dun rei, ámbolos dous apoiados por sólidos estudos estatísticos. Calquera científico tería a seguinte actitude: respecto á sopa de polo se sorprendería e reservaría a súa opinión ata que estudos independentes o confiramaran e outros estudos mostraran o mecanismo de acción. Respecto a tocar a man dun rei todos se mostrarían escépticos sospeitando graves erros no estudo ou, seguramente, un fraude.
...
O mesmo en tódalas ciencias... Non prestariamos moita atención a unha hipótese sobre a superconductividade que non se explicara en termos de electróns, fotóns e núcleos... Esta actitude proporciona un filtro útil que aforra aos científicos unha perda de tempo en ideas que non son dignas de ser tidas en conta. (El sueño de una teoría final, Crítica, Barcelona, 1994).

Pois eso.

Disponible na biblioteca do IES de Teis

Por se queres ler máis sobre a homeopatía.

Páxina dunha médica homeópata, para ter a outra versión.

24/3/13

Física de lo imposible

O autor deste libro, Michio Kaku, é un físico teórico nacido nos Estados Unidos en 1947 de pais xaponeses. Actualmente é profesor e investigador na Universidade de Nova Iorque. Como científico, destaca no estudo das teorías de cordas, segundo as cales as partículas elementais serían estados de vibracións de cordas de máis de catro dimensións (as máis prometedoras, once dimensións), o que permitiría unificar a gravedade coas outras interaccións fundamentais. Tamén goza de gran prestixio como divulgador. Mantén unha moi interesante páxina web.

Nesta obra de 2008, Kaku discute as posibilidades de acadar algunha das tecnoloxías habituais nas novelas e filmes de ciencia ficción: máquinas do tempo, invisibilidade, teletransporte, telequinesia, viaxes a traves do hiperespacio.... Son contínuas as referencias a Star Trek, A guerra das Galaxias, as novelas de Wells, e Asimov, etc.

O Dr. Kaku, clasifica estas tecnoloxías, hoxe inesistentes, en tres categorías. As imposibilidades de clase I corresponden a aquelas que non violan as leis da física e poderían acadarse nun prazo non moi grande, poida que neste msmo século. Entre estas, sorprendentemente, inclúe a invisibilidade, a telepatía, o teletransporte, a chegada de ovnis, e outras, se ben é certo que en versións alonxadas das que amosan as obras de ciencia ficción.
As imposibilidades de clase II corresponden a aquelas tecnoloxías que están no límite mesmo das leis da física e, por tanto, da nosa comprensión do universo. Poderían ser consecuencia da ampliación de eses límites de comprensión nun prazo de tempo moi prolongado, de miles a millóns de anos. Exemplos son as viaxes no tempo e as viaxes a velocidade superior á da luz (coa axuda de buracos negros e de verme).
Por último, as imposibilidades de clase III violan as leis da ciencia e, por tanto, implicarían unha revolución científica. Segundo el mesmo, non hai moitas destas imposibilidades. As máquinas de movemento perpetuo e a adivinación do futuro son desta clase.

Kaku relativiza o concepto de imposible. Conta como algunhas imposibilidades establecidas derivaron en poucos anos en posibilidades cotiás. Por suposto, sen nada que ver con charlatanerías ou maxias. Sinxelamente, axudanos a entender o estado actual da comprensión científica do universo e os seus límites de xeito moi ameno.

Disponible na biblioteca do IES de Teis.

Aquí tes unha participación de Michio Kaku  no 'I Congreso de Mentes Brillantes' en Málaga en 2010:

 

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...