31/8/09

El fin de la eternidad



Novela de ciencia ficción de Isaac Asimov, autor do que xa falamos noutro post. Escrita en 1955, desenvolve un dos tópicos máis atractivos e repetidos na literatura deste xénero: as viaxes a través do tempo. cómpre aclarar que as viaxes no tempo propiamente ditas, están descartadas pola mecánica relativista actual, únicamente sería posible un avance no tempo cara ao futuro, pero sen retorno.

Sen embargo, na literatura, esto é perfectamente normal. Xa Lewis Carrol en "Alicia a través do espello" en 1871, imaxinaba unha personaxe que vivía o tempo "ao revés". Na ciencia ficción, pode que o antecedente máis importante sexa "A máquina do tempo" de H.G. Wells de 1895, (do que temos comentado "A guerra dos mundos")

"O fin da eternidade" plantexa como no século 24 descúbrense os fundamentos das viaxes no tempo, e, no século 27, establécese "A Eternidade" unha especie de organización paralela e ao marxe da sociedade "temporal" normal, que viaxa libremente entre os séculos 27 e 150.000. O obxectivo inicial de dita organización era o comercio: proveer a un século dos suministros (alimentos, mediciñas, equipos) dos que é deficitario, procedentes de outro século no que hay excedentes. Pronto evolucionan para dedicarse máis ben a outra función: os "cambios de realidade". Introducindo modificacións nos feitos dun momento determinado, poden producir que, por exemplo, se evite unha guerra ou unha epidemia, etc.

A "Eternidade" é unha sociedade hermética, rexida polos seus propios membros, ao marxe da sociedade e composta solo por homes. As mulleres son contratadas moi escasamente e para tarefas como cociñar, lavar e limpar. Precisamente, unha muller é o desencadenante do "problema" que da lugar aos acontecementos da novela. Non cabe dúbida que Asimov é un home do seu tempo.

Por outra banda, o lector do século XXI lerá cunha sonrisa certas desastrosas "prediccións" de Asimov. Dispoñendo a "Eternidade" de toda a tecnoloxía de toda a historia da humanidade, o último en mensaxería é o correo... neumático, a información gárdase en... microfilms, os programas de ordenador escríbense e imprímense en... tarxetas perforadas. Eso sí, dispoñen do máis avanzado supercomputador, o Computaplex, na sede central da organización.

A pesar desto, a trama é apaixoante, moi ben fiada e cun desenlace sorprendente. Pero, sobre todo, move á reflexión sobre a lexitimidade desta especie de supergoberno, as paradoxas dos cambios na realidade e das viaxes no tempo, e, en fin, o exercicio da libertade humana.

Disponible na biblioteca do IES de Teis.

30/8/09

El viento del sol


O vento do sol é un conxunto de relatos breves escritos por Arthur C. Clarke entre 1961 e 1971.
Arthur Charles Clarke naceu en 1917 en Inglaterra. En 1956 trasladouse á illa de Sri Lanka (Ceilán) onde faleceu en 2008.
Tivo unha sólida formación científica: estudou matemáticas e física en Londres, especializándose en astronáutica. Unha publicación científica súa, dos anos 40, senta as bases para a colocación de satélites artificiais en órbita xeoestacionaria. Dita órbita chámase Órbita Clarke. Como novelista de ciencia ficción, a súa novela máis célebre é 2001: Unha odisea espacial. Tamén é coñecida a afirmación chamada "Terceira lei de Clarke": Toda tecnoloxía suficientemente avanzada é indistinguible da maxia".
A década dos anos sesenta do século XX foi moi fructífera en avances científicos, sobre todo en física e química básicas e aplicadas. É a década das viaxes espaciais. Arthur Clarke ás veces inspirase en recentes descubrimentos e ás veces os anticipa.
Algúns destes relatos son os seguintes:
"O alimento dos deuses", o problema da alimentación no futuro, serve para prantexar os límites éticos á innovación científica, con un certo tono de humor británico.
"O vento do sol", que da título a todo o libro, narra unha regata (ao mesmo tempo frenética e maxestuosa) de naves que aproveitan este "vento" descrito na década anterior a partir da observación das colas dos cometas.
"O Segredo" narra como os científicos tratan de manter en segredo certo descubrimento crucial.
"A última orde" propón o final da guerra fría entre os Estados Unidos de América e a Unión Soviética, que entón estaba nunha fase máis ben "quente" coa carreira espacial entre ámbalas dúas potencias. Neste relato declarouse unha guerra nuclear...
O estilo narrativo de Clarke é "tranquilo" por así dicir. Se un imaxina os relatos en imaxes, temos unha película na que pasan moitas cousas pero non hai os típicos golpes de efecto acompañados de ruídos (¡tachán!), senón que a narración evoluciona seguindo unha secuencia de acontecementos.
Clarke, como outros autores de ciencia ficción, foi moi agudo predecindo posibilidades científicas e desenvolvemento tecnolóxico, pero non tanto en outras cuestións máis "sociais":
No primeiro relato, o protagonista fala diante do Congreso de algún estado no futuro. Todos os congresistas son ... homes. Non hai nin rastro de nada parecido a Internet, salvo en certo sentido limitado en "Marque F de Frankenstein". Pero, de tódolos xeitos, son relatos moi entretidos.
¡Ollo!, na edición que teño eu, cométense algúns erros de traducción: cada vez que di "billón", quere dicir "mil millóns". Xa sabedes que o termo "billion" en inglés non equivale ao noso billón.

21/7/09

La guerra de los mundos / A guerra dos mundos

Esta novela de Herbert George Wells ( escritor inglés nado en 1866 e falecido en 1946) foi publicada en 1898 e constitue o primeiro relato de ficción no que os extraterrestres (neste caso os marcianos) invaden a terra.

H. G. Wells, xunto con Jules Verne, é considerado un dos precursores do xenero de ciencia-ficción. Ademáis de esta novela, destacan outros dous títulos: A máquina do tempo (1895) e O home invisible (1897).

O autor sitúa a acción nas proximidades de Londres a principios do século XX. Chegan os marcianos a bordo de enormes naves cilíndricas nas que transportan unhas implacables máquinas de guerra en forma de grandes trípodes articulados e armadas co Raio Ardente e mailo Fume Negro. Con estas armas de tecnoloxía moi superior á terrestre, non tardan en superar a débil resistencia dos humanos.
O narrador (un filósofo do que non coñecemos o nome) asiste á destrucción, salvándose a miudo por pouco. Xunto co artilleiro e o vicario, representan tres típicas actitudes diante da invasión.

Naturalmente, dada a data de publicación, a tecnoloxía descrita é tan primitiva que hoxe pode resultar cómica. Pero eso non é o que importa. Se considera esta novela como certa crítica á invasión que o imperio británico e outras potencias europeas (como España) fixo en Africa, América e Asia, xustificándose por unha pretendida superioridade moral ou intelectual respecto aos pobos indíxenas, levando a destrucción co seu armamento e tecnoloxía.

A obra foi levada ao cine en versións bastante afastadas do orixinal varias veces. A máis famosa a de 1953, e a máis recente de 2005 de Stephen Spielberg e con Tom Cruise.

É moi célebre a adaptación radiofónica de Orson Welles en 1938 que provocou que a meirande parte da poboación que a escoitaba a entendera como unha noticia real, producíndose un gran pánico

Tes a novela completa aquí. En inglés aquí.

Está disponible na biblioteca do IES de Teis tanto en galego como en castelán.

Fragmento da película de 1953, en inglés subtitulada

12/7/09

El peor viaje del mundo


Extraordinario relato de Apsley Cherry-Garrard sobre a expedición de Robert Falcon Scott ao polo sur.
Dita expedición tivo lugar entre os anos 1910 e 1912. Scott e catro expedicionarios máis chegaron ao polo so uns días despois de que o fixera por primeira vez na historia o noruegués Roald Amundsen. Na viaxe de volta á base situada na costa antártica, Scott e os seus compañeiros atoparon a morte pola fame o frío e o agotamento físico.
A finais do século XIX e principios do XX, desatouse o interés por chegar a ámbolos dous polos. Diversos grupos expedicionarios competiron por seren os primeiros. Os que estaban en mellores condicións de conquistar o polo Sur eran Amundsen e o inglés Scott.
Este libro describe as peripecias do grupo de Scott. Está escrito por un membro do grupo que non participou no asalto final ao polo, pero si nas tarefas de preparación e apoio. O relato e directo, sen adornos, transmite con moita forza todas as penalidades e o comportamento dos homes en situacións límite.
É un libro longo pero que se le con gañas de saber máis e máis. Aínda que o desenlace é coñecido, porque está na historia (a victoria de Amundsen e o falecemento dos cinco conquistadores de Scott no regreso), manténse a tensión por saber que foi o que ocurríu e cal foi o verdadeiro problema para que Scott fracasara no seu obxectivo principal, que non era chegar ao polo, senon regresar sans e salvos.
Quen queira saber que son os tan repetidos sentido práctico e cabalerosidade dos ingleses, aquí ten un valioso documento para empezar a entendelo.
As expedicións xeográficas dos séculos 18, 19 e 20, son tamén exploracións científicas. No caso das viaxes ao polo, os viaxeiros facían estudios en diversos campos: magnetismo terrestre, meteoroloxía, botánica e zooloxía (son moi importantes as contribucións do grupo de Scott ao coñecemento do comportamento de varias especies de pingüinos, focas, e aves) e, por suposto, a formación e evolución de diversos tipos de xeos (barreiras, bandeixas, icebergs, glaciares...). Ademáis, fósiles recollidos polos membros do grupo na súa viaxe de volta foron de gran importancia no estabelecemento do feito de que a Antártida e Australia estiveran en épocas remotas unidas e, por tanto, reforzou a teoría da deriva continental e a tectónica de placas.

18/2/09

Más allá del planeta silencioso


Esta novela é a primeira da chamada "Triloxía cósmica". O autor é C. S. Lewis (Gran Bretaña 1898-1963), famoso por ser tamén o autor dos sete volumes das "Crónicas de Narnia", e por ser amigo de J.RR. Tolkien (El señor de los anillos). Foi escrita en 1938.
O argumento trata da viaxe ao planeta de Malalcandra (Marte) do doutor Ransom e outros dous homes. Alí atópanse con tres especies distintas de marcianos intelixentes, racionais. Ransom e traizoado polos seus acompañantes, que queren facelo víctima dun sacrificio, fuxe e refuxiase entre os jrossa. Estes resultan ser seres sensibles, hospitalarios, un chisco inxenuos e que viven en paz e armonía coas outras dúas especies racionais os sorns e os pfifltriggi, gobernados todos por Oyarsa.
Resulta moi interesante que o autor fixera que o heroe da novela fora un filólogo, un lingüista. Non parece mala cousa para entrar en contacto con civilizacións alleas, saber teoría das línguas.
Frase para reflexionar, sobre todo na época (1938) cando todavía algúns cuestionaban a teoría da Evolución. (Cousa que volve pasar):
-Ransom: El animal que soy se llama hombre.
Dispoñible na biblioteca de Teis

4/2/09

Marie Curie y su tiempo


Este libro, escrito por José Manuel Sánchez Ron (catedrático de Historia da Ciencia e gran divulgador) e publicado na colección Drakontos da Editorial Crítica de Barcelona, conta a vida e obra da que probablemente é a muller científica mais coñecida da historia da Ciencia.
No seu tempo tivo que superar as adversas condicións que afectaban o traballo das mulleres en practicamente tódalas actividades profesionais e, desde logo, no campo da investigación científica.
Sen embargo, Marie Curie, chegou a acadar gran fama e popularidade na súa época e na posteridade.
As contribucións científicas de MC son valoradas con xustiza, fuxindo das dúas tendencias erróneas mais frecuentes: ou ben se sobrevaloran guiándose pola súa extraordinaria repercusión social, ou ben se menosprecian pola súa condición de muller.
É evidente que o feito de ser muller afectou a súa carreira científica, as veces para mal e as veces para ben. Todo este problema está moi ben desenvolvido nesta obra.
M. Curie é a única persoa (home ou muller) que acadou o premio Nobel de Física e mais o de Química.
Dispoñible na biblioteca do Instituto de Teis.

Neste video explícase o descubrimento e desenvolvemento dos primeiros estudos da radiactividade, incluíndo a contribución de Marie e Pierre Curie:

5/1/09

Los lagartos terribles y otros ensayos científicos


Este libro é unha recompilación de 13 ensaios de divulgación científica escritos por Isaac Asimov a finais da década de 1960. Publicado en España en 1978 e repetidamente reeditado.
Isaac Asimov naceu en 1920 en Bielorrusia e finou en 1992 en EEUU. É un autor moi prolífico de novelas de ciencia-ficción (Eu, robot, Fundación, Fundación e imperio...) e de divulgación científica (O electrón é zurdo, Momentos estelares da ciencia...), sempre cun estilo moi áxil, dinámico. sinxelo e ameno.
Nesta obra aborda diversos asuntos. Os dous primeiros artigos tratan dos metais coñecidos na antigüedade: ouro, prata, chumbo, cobre, ferro, estaño e mercurio.
O terceiro adícase ó descubrimento do galio e os primeiros intentos de clasificación periódica dos elementos químicos. No cuarto explica de xeito moi didáctico o concepto de mol e o número de avogadro ademais das leis dos gases.
No quinto (titulado Os lagartos terribles, e que da nome xenérico a todo o volume) e no sexto describe os dinosaurios e propón unha teoría acerca da extinción dos mesmos que tivo pouco éxito.
Etc.
Aínda que nos corenta anos que pasaron desde a data de escritura destes artigos, as ciencias, especialmente a física e a bioloxía tiveron un desenvolvemento espectacular e, en moitos aspectos, o libro resulta desfasado, cómpre lelo pola sua amenidade e porque sempre se aprende algo.
Dispoñible na Biblioteca de Teis

7/12/08

Frankenstein o el moderno Prometeo / Frankenstein ou o moderno Prometeo



Frankenstein ou o moderno Prometeo, (1818), foi escrito por Mary W. Shelley, autora inglesa nacida en 1797 e falecida en 1851.
Mary Shelley estaba casada con Percy B. Shelley, poeta romántico inglés. Ambos mantiñan gran amizade cun dos máis importantes poetas ingleses da historia, Lord Byron. Certa noite, nunha velada nocturna preto de Xenebra, Suiza, Lord Byron propón a Mary e Percy Shelley e a John Polidori, que cada un dos catro escriba unha historia de pantasmas. Mary comeza a escribir un conto que posteriormente derivou nesta novela.
Frankenstein pódese ler como unha novela de terror, pois o monstro resulta, en efecto, terrorífico no seu aspecto e no seu comportamento. Tamén ten compoñentes de novela de aventuras, fantástica e de intriga. Pero, sobre todo, está considerada como a primeira novela de ciencia-ficción da historia da literatura. Nese aspecto recoméndovola. Lede con atención os capítulos 3 e seguintes, nos que se relata o paso do protagonista pola Universidade e os seus estudos e reflexións sobre a física e a química e o papel dos científicos no mundo.
Frankenstein foi levada ao cine en múltiples ocasións. Destacan as películas dos anos trinta protagonizadas por Boris Karloff. Tamén tivo éxito a versión de 1994, titulada Frankenstein de Mary Sheley , dirixida por Kenneth Branagh e protagonizada por Robert de Niro e o propio Kenneth Branagh. No cine adóitase explotar máis ben a compoñente de terror da novela.
A novela está dispoñible na biblioteca do IES de Teis en galego, castelán e inglés, ademáis da película de Kenneth Branagh en inglés.
Tamén está dispoñible en castelán en Google Libros aquí.

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...