5/1/09

Los lagartos terribles y otros ensayos científicos


Este libro é unha recompilación de 13 ensaios de divulgación científica escritos por Isaac Asimov a finais da década de 1960. Publicado en España en 1978 e repetidamente reeditado.
Isaac Asimov naceu en 1920 en Bielorrusia e finou en 1992 en EEUU. É un autor moi prolífico de novelas de ciencia-ficción (Eu, robot, Fundación, Fundación e imperio...) e de divulgación científica (O electrón é zurdo, Momentos estelares da ciencia...), sempre cun estilo moi áxil, dinámico. sinxelo e ameno.
Nesta obra aborda diversos asuntos. Os dous primeiros artigos tratan dos metais coñecidos na antigüedade: ouro, prata, chumbo, cobre, ferro, estaño e mercurio.
O terceiro adícase ó descubrimento do galio e os primeiros intentos de clasificación periódica dos elementos químicos. No cuarto explica de xeito moi didáctico o concepto de mol e o número de avogadro ademais das leis dos gases.
No quinto (titulado Os lagartos terribles, e que da nome xenérico a todo o volume) e no sexto describe os dinosaurios e propón unha teoría acerca da extinción dos mesmos que tivo pouco éxito.
Etc.
Aínda que nos corenta anos que pasaron desde a data de escritura destes artigos, as ciencias, especialmente a física e a bioloxía tiveron un desenvolvemento espectacular e, en moitos aspectos, o libro resulta desfasado, cómpre lelo pola sua amenidade e porque sempre se aprende algo.
Dispoñible na Biblioteca de Teis

7/12/08

Frankenstein o el moderno Prometeo / Frankenstein ou o moderno Prometeo



Frankenstein ou o moderno Prometeo, (1818), foi escrito por Mary W. Shelley, autora inglesa nacida en 1797 e falecida en 1851.
Mary Shelley estaba casada con Percy B. Shelley, poeta romántico inglés. Ambos mantiñan gran amizade cun dos máis importantes poetas ingleses da historia, Lord Byron. Certa noite, nunha velada nocturna preto de Xenebra, Suiza, Lord Byron propón a Mary e Percy Shelley e a John Polidori, que cada un dos catro escriba unha historia de pantasmas. Mary comeza a escribir un conto que posteriormente derivou nesta novela.
Frankenstein pódese ler como unha novela de terror, pois o monstro resulta, en efecto, terrorífico no seu aspecto e no seu comportamento. Tamén ten compoñentes de novela de aventuras, fantástica e de intriga. Pero, sobre todo, está considerada como a primeira novela de ciencia-ficción da historia da literatura. Nese aspecto recoméndovola. Lede con atención os capítulos 3 e seguintes, nos que se relata o paso do protagonista pola Universidade e os seus estudos e reflexións sobre a física e a química e o papel dos científicos no mundo.
Frankenstein foi levada ao cine en múltiples ocasións. Destacan as películas dos anos trinta protagonizadas por Boris Karloff. Tamén tivo éxito a versión de 1994, titulada Frankenstein de Mary Sheley , dirixida por Kenneth Branagh e protagonizada por Robert de Niro e o propio Kenneth Branagh. No cine adóitase explotar máis ben a compoñente de terror da novela.
A novela está dispoñible na biblioteca do IES de Teis en galego, castelán e inglés, ademáis da película de Kenneth Branagh en inglés.
Tamén está dispoñible en castelán en Google Libros aquí.

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...